19 · 02 · 26 | Noticias

Regularización Extraordinaria de Persoas Migrantes en España

Que significa?
Logo dun gran traballo realizado polas compañeiras de Regularización Ya, que lograron os apoios e as firmas necesarias —mesmo máis— para unha Iniciativa Lexislativa Popular, chega este acordo histórico que posibilitaría a regularización da situación administrativa de miles de persoas residentes no territorio español.

En que punto estamos?
Tras o anuncio realizado polo goberno, redactouse un borrador da norma que estivo dispoñible en audiencia pública ata o pasado 6 de febreiro.
Nese período, recolléronse centos de achegas e consultas que deben revisarse para a redacción do texto definitivo.
Ese texto terá que pasar despois por diferentes instancias administrativas ata ser publicado no BOE (Boletín Oficial del Estado), momento no que por fin entrará en vigor.

Que facer?
polo de agora, e sabendo o difícil que é, o que podemos dicirche é que teñas paciencia.
O certo é que, ao non haber aínda unha norma vixente, non podemos saber a quen incluíría a regularización, cales serán os requisitos e en que prazos haberá que realizar as solicitudes.

Con que ter coidado?
Cos contidos que, aínda tendo aspecto de noticia, non estean contrastados ou afirmen cousas que contradigan o que aquí te estamos contando. Ten en conta que hai quen se aproveita de situacións de vulnerabilidade para facer negocios fraudulentos.
Non existe aínda a norma que regulamenta a regularización anunciada; polo tanto, non hai citas, non hai quendas nin hai cupos. Non pagues por algo que aínda non existe e que, hoxe por hoxe, ninguén che pode garantir.

Estás en situación administrativa irregular e non tes NIE? Este non é o momento de tramitalo, nin sequera se pretendes sacar o certificado dixital. Asesórate antes en organizacións especializadas.

En que te podemos axudar desde Ecos do Sur?
Polo de agora, e ata que se publique a norma no BOE, compartindo contigo a información oficial e corroborada sobre este tema.
Despois, cando a norma entre en vigor, as nosas avogadas realizarán reunións grupais, en diferentes horarios, para poder asesorarte e acompañarte no teu caso.
Farémolo con profesionalidade, seriedade, empatía e, como todos os servizos que prestamos, de xeito totalmente de balde.

Nas nosas redes sociais seguiremos publicando as novidades ás que teñamos acceso. Convidámoste a seguirnos pero, tamén, a sumarte a unha rede de contención na que podamos transmitir paciencia e coidarnos colectivamente neste momento de tanta información cruzada.