Activación social · Formación e emprego
emprego · Integración · rural · sensibilización · voluntariado

Rural en movemento

Redes de apoio e participación no rural galego

Un proxecto de voluntariado para dinamizar comunidades rurais e impulsar a inclusión social e laboral.

«Rural en movemento» ten como obxectivo activar a participación cidadá no rural galego, fomentar redes comunitarias e facilitar a integración de persoas en situación de vulnerabilidade en territorios afectados polo envellecemento e a despoboación.

O proxecto actúa en diferentes zonas rurais de Galicia, como Xermade, Coirós e Curtis, creando espazos de participación entre veciñanza, entidades locais e persoas participantes no programa Habita Rural. Ademais, incorpora accións de mobilidade comunitaria solidaria que facilitan o acceso a actividades formativas, laborais e comunitarias, reducindo o illamento territorial. Deste xeito, promóvese tanto a inclusión social como o acceso a nichos de emprego emerxentes e adaptados para colectivos con dificultades de inserción laboral.

En Xermade traballamos para derrubar as barreiras de exclusión territorial mediante visitas guiadas, obradoiros e xornadas de convivencia interxeracional. As persoas participantes —migrantes e veciñas do territorio— descobren o patrimonio local e comparten experiencias que fortalecen a cohesión social.

En colaboración coa Protectora de Coirós, a Fundación María José Jove e a Asociación Candamín, desenvolvemos un itinerario que combina voluntariado, formación e prácticas profesionais no ámbito do coidado animal.

En Curtis, o proxecto aposta pola educación ambiental e a convivencia intercultural mediante actividades de recollida de residuos e coidado do entorno natural. Estas accións contribúen a sensibilizar sobre a xestión sostible do medio ambiente e a xerar espazos de encontro e colaboración entre persoas migrantes e poboación local.

Financiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, cun total de 22.450,00 € para o ano 2025, e de 20.000,00 € para 2026.

Axúdanos a seguir con iniciativas coma esta asociándote a Ecos do Sur. 


Primeira edición: 2018
Execución actual: 2026