Reducindo a fenda dixital para transformar a sociedade
Empoderar as persoas para que poidan usar equipos informáticos que foron reparados, fomentar o uso do software libre e reducir a fenda dixital.
En colaboración con Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia, buscamos protexer os dereitos dixitais das familias en situación vulnerable, reducindo a fenda dixital das persoas beneficiarias. O proxecto desenvólvese nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Recollemos doazóns de computadoras en desuso e arranxámolas. Así, aumentamos a súa vida útil, diminuíndo os residuos e promovendo a ética electrónica.
Os equipos doados son reparados polo grupo de voluntariado de Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia. Logo, pasan a formar parte dun banco de computadoras que se ofrecen ás persoas usuarias de Ecos do Sur en réxime de cesión. Paralelamente, as familias beneficiarias reciben formación completa sobre instalación e manexo de software libre, preparándose para ter unha plena soberanía dixital, reducindo así a fenda social.
Este proxecto foi financiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, a través da súa convocatoria anual con cargo ao 0,7 % do IRPF, cunha subvención de 14.066,08 € en 2025 e de 14.872,68 € en 2026. Se na túa casa, empresa ou institución contas con algún tipo de dispositivo dixital en desuso (computadora, tablet, smartphone), podes doalo ao banco de reciclaxe de ESF para que o poñamos en uso e llo cedamos a alguén que o necesita. Contáctanos!
Primeira edición: 2020
Execución: xaneiro-decembro 2026
