Activación social

Investimento: Rural en Movemento

Transporte colectivo para facilitar a mobilidade

O proxecto promove a adquisición dun vehículo de 9 prazas para facilitar as actividades formativas e a inserción sociolaboral.

Galicia é un territorio amplo e disperso. En moitas zonas rurais, desprazarse resulta complexo se non se dispón de vehículo propio. Esta realidade limita o acceso a oportunidades básicas e afonda nas desigualdades. Desta necesidade nace o proxecto Investimento: Rural en Movemento, que facilita a mobilidade e a inclusión sociolaboral nos municipios rurais de Xermade, Muras, Ourol, Santa Comba, Curtis, Sobrado dos Monxes e Vilamaior.

O proxecto contempla a adquisición dun vehículo de 9 prazas que permita superar as barreiras de transporte existentes e contribuír á dinamización social e económica destes territorios. A iniciativa pon o foco en mellorar o acceso á formación e ao emprego das persoas que desexan desenvolver o seu proxecto profesional e de vida no rural. Facilitar o desprazamento aos centros formativos, ás empresas e a outros centros é clave para acadar unha inserción laboral efectiva, xerando vínculos máis estreitos entre as persoas participantes e as comunidades.

Con estes pasos, impúlsase a colaboración entre o tecido empresarial, social e institucional do rural galego e mellórase a calidade de vida de quen participa nos programas de Ecos do Sur.

Investimento: Rural en Movemento está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia con 22.450 €, no marco da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF e do Imposto de Sociedades correspondente ao ano 2024.

Podes apoiar este e outros proxectos asociándote a Ecos do Sur.


Primeira edición: 2024
Execución: 2025