Formacións para vivir e traballar no rural
Abordamos a inserción sociolaboral, ofrecendo solucións integrais a través do acceso á vivenda e ao emprego.
O proxecto Habita Rural Turismo ten o obxectivo de dar solución a unha dobre problemática en dous lugares diferenciados: por unha banda nas zonas urbanas, que acumulan extensas bolsas de persoas en situación de vulnerabilidade e, polo outro, zonas rurais de baixa densidade demografica (ZPP), é dicir, lugares demandantes de persoas traballadoras e emprendedoras que poidan realizar a súa actividade profesional e persoal no territorio.
Con esta idea, seleccionamos participantes de calquera das cidades das catro provincias galegas, en concreto: A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo; que se formarán nos lugares de execución do proxecto, en concreto: Xermade, Muras e Ourol na provincia de Lugo e Sobrado, Vilasantar e Boimorto na provincia da Coruña, lugares con menos de 5.000 habitantes. Unha das razóns da elección destes territorios concretos de entre a totalidade de lugares de similares características en Galicia ten que ver coa presenza nos mesmos. Ecos do Sur ten presenza en todos os territorios e, mesmo, é referente nalgún deles.
Con axuda dun amplo equipo técnico de Ecos do Sur, que traballa man a man coas institucións, empresas e cooperativas da zona, estas persoas fórmanse no turismo rural, amplían as súas oportunidades laborais e son partícipes das actividades nas zonas nas que viven. En canto aos resultados comunitarios, os territorios rurais benefícianse do rexuvenecemento poboacional, a cobertura de postos de traballo, a oferta de novos servizos e as redes de colaboración impulsadas en conxunto. Outra das claves metodolóxicas da liña de proxectos de Habita Rural é o seguimento e avaliación constante durante todo o período de execución, avaliación interna, por parte das persoas usuarias e seguimento de obxectivos son mecanismos implantados desde a primeira edición deste programa.
Esta iniciativa concreta conta cunha subvención da Fundación La Caixa de 29.954,00€.
Este proxecto forma parte dunha iniciativa máis ampla denominada Habita Rural que se leva a cabo en Ecos do Sur dende 2020.
Primera edición: 2022-2023
Ejecución: julio de 2024 a julio de 2025