Comparte vida, compañía e esperanzas
Todas as persoas necesitan un fogar para ter unha vida plena e cumprir os seus soños, ese é o motivo deste proxecto.
O proxecto de Co-habita vivenda é unha proposta innovadora que busca novas solucións ás necesidades residenciais das persoas con difícil acceso á vivenda, especialmente as que son migrantes.
Temos en conta un dos problemas sociais aos que se enfronta Galicia: as zonas despoboadas. Con isto en mente, buscamos facilitar o acceso das persoas excluídas do acceso á vivenda naquelas zonas rurais e semiurbanas que teñan vivendas baleiras.
E imos un paso máis alá. Tamén detectamos a situación de soidade dalgunhas persoas que viven en vivendas con espazo para a convivencia. É por iso que este programa quere promover a creación de redes de apoio a prol do acceso á vivenda como impulso para un coliving regulado e interxeracional.
Este proxecto, polo tanto, pretende xerar vínculos sociais entre as zonas que máis necesitan recibir poboación, as persoas que precisan un fogar e aquelas persoas que queren deixar atrás a súa soidade compartindo a súa casa, ou poden ter vivendas baleiras en lugares que están a sufrir o despoboamento.
Esta iniciativa conta cunha subvención de 45.581,43 euros pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para o período 2023-2025. Son moitas as persoas que precisan un fogar, axúdanos coa túa achega, faite de Ecos do Sur. Contamos contigo!
Descarga o dossier de Cohabita
Primeira edición: 2023
Execución: 2023-2025