11 · 04 · 23 | Noticias

Presentamos en Xermade o Proxecto Habita Rural

Na terceira edición do proxecto Habita Rural, dez persoas aprenderán albanelaría, carpintaría e pintura. O proxecto de Ecos do Sur está dirixido a quen desexen buscar oportunidades de vida e emprego no rural galego.

No acto interviron Roberto García, alcalde de Xermade; José Luís Panjón, alcalde de Ourol; Saray Durán, directora de Ecos do Sur e Brais Pérez, responsable do proxecto. José Luís Panjón declarou que Habita Rural “é unha oportunidade importante para fixar poboación nos concellos pequenos, onde o problema de poboación é afogante e ten consecuencia importantes”.

Pola súa banda, Roberto García deu a benvida aos participantes, desexándolles que “oxalá quededes nestes concellos e sexades felices aquí, acollémosvos cos brazos abertos”. Saray Durán lembrou que “para Ecos do Sur é importante fixar poboación nestes concellos que ten menos de 200 habitantes, e tamén recuperar certos oficios nos que hai moita demanda, como a albanelaría”. O proxecto desenvolverase nos municipios de Ourol, Muras e Xermade, onde un grupo de dez acodes procedentes de áreas urbanas da comunidade vivirán nunha contorna rural mentres aprenden sobre albanelaría, carpintaría e pintura, sectores nos que a ONG detectou unha demanda de profesionais non cuberta nas zonas rurais do interior de Galicia. Seleccionouse a persoas con interese en iniciar novos proxectos de vida no campo, de entre 120 persoas inscritas.

O obxectivo do proxecto Habita Rural é revitalizar o rural galego, freando o despoboamento e o abandono de terras produtivas e de vivendas, ao mesmo tempo que se ofrecen oportunidades de vida, capacitación e emprego a persoas residentes nas cidades e vilas galegas, onde se localizan as principais bolsas de desemprego e exclusión. É unha iniciativa financiada conxuntamente pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, a Fundación A Caixa e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.