Entrevista ás participantes do Programa de emprendemiento Circulab
Cando Iuliia Demchenko e a súa filla Oleksandra coñeceron Ecos do Sur tiñan as ideas moi claras: chegaran a Coruña en 2022 fuxindo da guerra en Ucraína e, o que nun principio pensaron que acabaría rápido, foise prorrogando de maneira indefinida, polo que decidiron poñerse ao choio e emprender na cidade, creando o taller de costura e confección a medida Orestas.
Esta cooperativa non é o primeiro negocio de Iuliia Demchenko, quen leva máis de 20 anos deseñando e creando téxtiles do fogar, traxes e vestidos exclusivos de gala, reflectindo en cada puntada a súa “dedicación e agarimo” por un traballo ben feito que, sen dúbida, as súas clientas saben valorar xa que, mentres se fai esta entrevista, non deixan de chamar á porta ao ver a persiana entreabierta. Oleksandra, que cada vez fala máis fluído, sae a explicarlles que aínda está pechado.
-Vemos que non parades, foi boa a acollida na zona?
-Uff, parece que si, xa que estamos a lume de biqueira polas festas, temos moitos arranxos de vestidos e camisas de gala. As clientas que veñen, repiten. Por iso é importante poñer ‘alma’ ao traballo. Aquí temos un lema: hai que facer as cousas rápido, con calidade e bo trato.
-Soa moi ben, e vemos que funciona.
-Si. Ás veces tento expresarme o mellor posible, pero aínda estou a coñecer o idioma. Penso, “seguro que falei fatal e que non van volver…” Pero é todo o contrario, a xente volve contenta polo resultado e pide máis cousas. É digno de agradecer. É máis: xa temos encargos diferentes ao que pensabamos facer.
-Imos, que abristes hai 3 meses e xa estades a innovar…
-Si, son ideas de Oleksandra, que fai por encargo prendas personalizadas con debuxos con pintura de tea. Esta técnica tamén a realizamos se, por exemplo, a peza de roupa ten unha pequena mancha, promovendo así o consumo responsable.
Cando estás diante de Iuliia Demchenko dásche conta de que tanto ela como a súa filla son artesás con gran experiencia e potencial que, como narran, non queren ser un ‘robot’, “senón que prefiren facer as cousas con dedicación”. “Gustaríanos destacar que tivemos axuda de moita xente, desde Ecos do Sur, ata por parte da persoa que nos alugou o local e que nos deixou as máquinas e materiais para traballar”.
-Con esta experiencia, que lle diríades a unha persoa que quere emprender?
-Que aínda que sexa difícil non cambiariamos este negocio que acaba de nacer por nada. O máis importante é non ter medo e, ao final, si que recibes máis apoios dos que pensabas.