A empresaria forma parte do Programa Circulab
Gina Massiel Duverge de León chegou a Coruña con 18 anos, unha cidade na que tiña familia e amizades da infancia, e da que sempre lle falaron moi ben. Recoñece que se namorou de Santa Cristina e O Burgo, onde estivo a vivir nada máis chegar. Despois mudaríase a Monte Alto, onde montaría o seu negocio: Gina Beautty, un centro no que “facemos de todo, salón de peiteado, estética, cellas, manicura, pedicura, pestanas… todo para que a xente se senta mellor”. Sabe do que fala, xa que Gina escolleu a súa profesión porque naceu cun ‘don’. “Desde nena xogaba coas bonecas, peiteaba á miña nai, ás miñas compañeiras, ás miñas primas… Encántame a beleza, velas guapas e apaixóname o meu traballo, xa que non o vexo así, senón como algo que me fai sentir ben”.
-Polo que decidiches montar un centro de salón de peiteado e estética, así é?
-Bueno, non foi exactamente así. Traballei en moitos centros da zona como empregada e había moitas cousas que quería cambiar. Un día, chamoume unha amiga e díxome que vira un local en alugueiro e que era perfecto para montar o negocio do que falaramos. ‘Anímasche?’, soltoume. E díxenlle: ‘Veña, imos’. Gustoume moito desde o primeiro momento, tamén me gustou o alugueiro e, sen darlle moitas voltas, montei o centro de estética Gina Beautty.
-Un proceso para o que contaches co apoio de Ecos do Sur, por suposto.
-Por supuestísimo. Fáltanme palabras para dicirvos o que merecedes. Desde sempre me apoiastes en todo: falei co voso equipo xurídico e psicolóxico. De feito, foi nunha cita coa avogada cando ela díxome: ‘se queres montar un negocio, pasámosche a emprendemento’ (Proyecto Circulab). Aí fixemos toda a burocracia e, aínda agora, estádesme ensinando a facer trámites para o día a día que, en breve, xa poderei facer eu.
-Que tal o apoio no barrio, Monte Alto?
-Moi bo. A xente apoioume máis do que pensaba, quizá porque xa moita me coñecía doutras pelus nas que traballara. Neste último ano chorei máis por gratitude que por tristeza. Recoñezo que desde que abrín tiven moitos apoios e os números están a saírme ben. Tamén me esforzo moito día a día.
-Con esta experiencia entón, que lle dirias a unha persoa que quere emprender?
-Que é máis difícil ter a decisión e a valentía que o diñeiro. Todo ao principio é difícil, pero tes que confiar en ti mesma. Aínda que che digan o que sexa… hai que tentalo, ser valentes e arriscar.