Ecos do Sur, dentro do proxecto Habita Rural, organiza unha formación en gandería de leite, dirixida a persoas de toda Galicia que desexen buscar oportunidades de vida e emprego no rural galego. O curso desenvolverase nos municipios de Ourol, Muras e Xermade (Lugo), é gratuíto e durante os seus tres meses de duración inclúe desprazamentos, vivenda e manutención nestas localidades, polo que se anima especialmente a participar a aquelas persoas residentes nas cidades e vilas galegas que teñan interese en emprender un proxecto de vida no campo. As persoas seleccionadas vivirán, desde finais de setembro ata finais de decembro, nunha contorna rural mentres aprenden as claves do sector da gandería vacúa, con prácticas en granxas da zona.
Esta formación responde directamente de oportunidades de traballo detectadas nestes lugares, nos que existe unha demanda de profesionais non cuberta, e ofrece oportunidades reais de emprego á súa finalización. O ano pasado, 6 de cada 10 persoas que realizaron esta formación sumouse ao sector, apostando por un proxecto de vida rural e dinamizando as zonas.
A inscrición está aberta ata o 16 de setembro desde este formulario. A actividade forma parte do proxecto Habita Rural, cuxo obxectivo é revitalizar o rural galego, freando o despoboamento e o abandono de terras produtivas e de vivendas, ao mesmo tempo que se ofrecen oportunidades de vida, capacitación e emprego a persoas residentes nas cidades e vilas galegas, onde se localizan as principais bolsas de desemprego e exclusión. É unha iniciativa financiada conxuntamente pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.