O xurado premiou o proxecto colectivo de realidade virtual que levamos a cabo xunto con Be Another Lab, no que moitas persoas compartían diferentes experiencias de migración para vivilas en primeira persoa.
Ecos do Sur participou na Maker Faire Galicia, unha feira de tecnoloxía galega que contaba coa participación de empresas líderes, estudantes e emprendedores que presentaron solucións innovadoras para diferentes desafíos.
O primeiro día tivo lugar o concurso de proxectos das Xornadas da Industria, que premiou o noso proxecto de Realidade Virtual. O primeiro clasificado foi Arm2ou, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Industrial, que realizaron unha prótese de brazo electrónica de baixo custo mediante tecnoloxía de impresión 3D. Ecos do Sur quedou de segundo clasificado con The Machine To Be Another (TMBA), un proxecto que realizamos xunto con Be Another Lab baseado nunha actividade de Realidade Virtual que busca concienciar ao participante sobre as dificultades que vive unha persoa migrante.
O terceiro premio foi para Talionis do CITIC – UDC, que presentou un proxecto de emprego de contornas virtuais para o traballo de habilidades físicas e cognitivas en poboación maior e persoas con diversidade funcional. Durante o evento, abordáronse diversos temas relevantes no ámbito da innovación e a tecnoloxía, como a ética na creación de IA e tamén se realizaron debates sobre a necesaria colaboración entre o ámbito social, industrial e académico.