Montou o seu negocio co acompañamento de Ecos do Sur
Despois de saír de Venezuela e pasar tres anos en Perú, Anneris J. Mejías chegou á Coruña movida polo amor. Aquí vivía a súa parella, pai do seu fillo, de quen fala con orgullo, que “xa está a estudar unha FP de Farmacia”. Ela veu con ganas de traballar e atopou na cidade herculina unha comunidade que lle abriu as portas. “Iso é o bonito: cando nos apoiamos, todos crecemos”, afirma a empresaria, que montou o seu negocio co acompañamento de Ecos do Sur, a través do Proxecto Circulab.
Desde sempre lle apaixonou o mundo da beleza, e nos seus primeiros meses na cidade comezou a ofrecer servizos de peiteado, manicura e estética ás súas veciñas na zona de Orillamar. Con esforzo e dedicación, a súa clientela vai aos poucos en aumento e, grazas ao apoio económico do seu marido e aos traballos de verán do seu fillo -sen eles non podería facelo-, recoñece, logrou cumprir o seu soño: abrir o seu propio negocio, Ava Nails, no Paseo de Rolda, 58. A pesar dos desafíos, as súas primeiras clientas seguen ao seu lado. “Sempre me apoiaron. Ás veces espéranme ata que termino para levarme a casa. Non teño palabras para agradecerlles tanto agarimo, apoio e respaldo”, di con emoción.
-Como é o apoio no barrio?
-Marabilloso. As clientas que me coñecían de Orillamar seguen vindo e, nesta nova zona, o negocio tivo unha gran aceptación. Montalo non foi sinxelo, porque atopar un local adecuado e alcanzable levou moito tempo. Pero estou contenta de ter dado o paso.
-Como coñeciste Ecos do Sur?
-A través dun amigo que fora asesorado pola entidade. Faloume da axuda que ofrecen a quen queren emprender e animeime a acudir. Desde o primeiro momento dixéronme que non sería fácil, pero que con esforzo e asesoramento podíase lograr. Acompañáronme en todo o proceso de apertura de negocio e, o máis importante, atopeime cun equipo con moita calidade humana que sempre me axuda.
-Que lle diríais a unha persoa que quere emprender?
-Cando queres abrir un negocio, moitas persoas dinche que non o fagas, que é arriscado, que podes perder diñeiro. Eu non me arrepinto. Se tes un soño e unha meta, hai que loitar por ela. Con traballo e esforzo, ao final dirás: ‘Si, mereceu a pena’.
Anneris J. Mejías tamén cre que o comercio local e o emprendimiento é un alicerce fundamental para a economía da cidade. Cada vez que alguén elixe comprar nun negocio de barrio ou pagar por estos servizos, está “apoiando a unha familia e axudando a manter empregos” facendo, ademais, que as zonas sigan vivas e abrazando a diversidade. Desde o Proxecto Circulab, aportamos a información e a formación necesarias para que as persoas logren emprender os seus propios negocios baseados no concepto de economía social.