En decembro de 2025, tras anos de implicación como asociada, Ani Ulloa asumiu a presidencia de Ecos do Sur.
É empresaria e unha firme defensora da formación e a independencia económica como ferramenta de transformación social. Además de Ecos do Sur, tamén preside a Asociación de Empresarias da Coruña (AECO). A dous meses de asumir o cargo, falamos coa nosa presidenta para coñecer máis o seu vínculo con Ecos do Sur, a sua conexión coa causa que defendemos e os principais retos que afrontamos no contexto actual.
Coñeciches Ecos do Sur a través da colaboración que temos coa Asociación de Empresarias para realizar prácticas laborais. Que che atopaches naquel primeiro contacto e que fixo que quixeses seguir implicándoche? Propuxéronnos colaborar acollendo a persoas en prácticas que se estaban formando desde Ecos. Desde o principio chamoume a atención que o traballo tiña un impacto real: persoas que o tiñan máis difícil conseguían unha oportunidade e, nalgúns casos, incluso un emprego. Esa conexión directa entre formación e inserción foi o que me fixo ver o valor do proxecto e empezar a implicarme. E foi Sandra García (nosa directora de Proxectos) a que me convidou a dar o paso para facerme socia.
Asumiches a presidencia nun momento de crecemento e novos retos para a organización. Que che levou a dar ese paso?
Para min é, sobre todo, unha forma de gratitude. Tiven momentos complicados na vida e tamén moitas oportunidades, e sinto que dedicar parte do meu tempo, os meus coñecementos e a miña forma de traballar é unha maneira de devolver o que recibín. Creo profundamente que todas as persoas merecen unha segunda oportunidade e que, se podemos facilitala desde a nosa posición, temos a responsabilidade de facelo.
Cal é o principal reto que nos toca enfrontar neste momento?
O de seguir favorecendo a integración real nun contexto no que existen discursos de rexeitamento e moito descoñecemento.
Hai que normalizar a diversidade e explicar mellor o que facemos, tamén contando coa implicación da sociedade de aquí, porque a migración forma parte de nosa propia historia. E, ao mesmo tempo, seguir traballando para que as persoas poidan acceder a un emprego, homologar a súa formación e desenvolver todo o seu potencial.
Desde a túa experiencia, que impacto real ves na vida das persoas que participan nos proxectos?
Ás veces basta cun pequeno apoio para que unha persoa poida aceptar un traballo ou reorganizar a súa vida. Vin casos nos que, grazas a un servizo puntual, como unha conciliación, alguén puido incorporarse a un emprego e pasar dunha situación de dependencia a ser unha persoa autónoma. A independencia económica é o que dá a liberdade, e aí está unha das claves do traballo de Ecos: facilitar que as persoas poidan construír o seu propio proxecto de vida.
Ademais de responsabilidade, un cargo como este adoita ser unha experiencia que brinda outras perspectivas. Que che está achegando ata o de agora?
Achégame aprendizaxe continua e unha rede de persoas e entidades coas que, doutra maneira, non tería relación. Tamén me permite coñecer realidades que moitas veces son invisibles e entender mellor os recursos que existen. Eu non tiña moita idea nin os procesos de estranxeiría nin da situación administrativa concreta que teñen persoas por chegar desde determinados países, cousas que en Ecos aprendín. Pero, sobre todo, achégame a satisfacción de saber que o que fas ten un impacto positivo na vida de alguén. Cando dedicas o teu tempo e a túa enerxía a algo así, iso volve a ti en forma de benestar e sentido.
Que é Ecos do Sur para ti e que che gustaría conseguir nesta etapa?
Isto é un proxecto colectivo que existe grazas ao compromiso de moitas persoas. Cando colaboras, non só axudas aos demais: tamén creces ti e xeras unha cadea de apoio que transforma a sociedade. Encantaríame que neste tempo fósemos capaces de integrar ao maior número de persoas posible, que poidan acceder a un posto de traballo, xa sexa por conta allea ou por conta propia. Cando unha persoa pode soster o seu proxecto de vida co seu propio traballo, muda todo.
